Sunday 28 de April de 2024

Os 35 nenos e nenas dos campamentos de Semana Santa da Sociedade Liceo de Noia visitaron ás minas de San Finx


Un grupo de 35 nenos e nenas dos campamentos que a Sociedade Liceo de Noia organizou esta pasada Semana Santa realizaron o pasado mércores unha ruta de sendeirismo por Lousame, con saída no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra e con destino final nas minas de San Finx. Tras pouco máis de hora e media de camiñata, os rapaces realizaron unha visita de algo máis dunha hora na que estiveron guiados por persoal do Concello de Lousame.

Os pequenos coñeceron a historia das minas e a súa evolución ao longo dos anos, sobre todo a importancia que a extracción de estaño e de volframio tivo para a comarca dende finais do século XIX ata despois da “febre do volframio” na posguerra civil española. Así mesmo, coñeceron o traballo realizado polo Concello de Lousame para rehabilitar e poñer en valor o patrimonio da mina de San Finx.